PRESENTACIÓN E OBXECTIVOS

É un proxecto aberto que ten como obxectivo concienciar e pór en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que defendemos dende ADEGA adega.gal

É un lugar de encontro onde toda a xente concienciada e respectuosa co medio natural e cultural galego pode ter cabida, independentemente de que estean asociados ou non á asociación promotora deste proxecto: ADEGA

É pois unha aventura colectiva que para facerse realidade precisa:

  • da colaboración de todas e todos.
  • de habilidades físicas e intelectuais
  • de calquera aportación, por pequena que sexa

Temos a certeza de que esta utopía, á que chamamos Eira da Xoana, só será posible coa progresiva entrega e cooperación do pobo galego. Nelo cremos firmemente e de feito, xa tivemos a oportunidade de comprobalo dende o mesmo momento en que se iniciou esta andaina: veciñas e veciños coa súa xenerosidade, deixaron ben patente a boa acollida e repercusión que tivo, ten e pode ter esta iniciativa.

MEDIOS COS QUE CONTAMOS

En Ramil, en pleno corazón de Galiza, contamos con:

  • Unha humilde casa rural, hoxe rehabilitada.
  • Uns ferrados de terra nos que pretendemos recrear un bosque natural propio da zona.
  • A nosa burriña Randulfa.
  • Rica comarca chea de recursos naturais e culturais

Como recursos humanos:

  • Compañeir@s e veciñ@s comprometidas co proxecto.
  • Amig@s que nos visitan e participan nas actividades organizadas con regularidade.

E como medios intanxibles:

  • Traxectoria e experiencia contrastada de ADEGA.
  • Boas relacións coa veciñanza.