A Fundación Eira da Xoana (da asociación ecoloxista ADEGA), Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo queremos mercar, recuperar, estudar e protexer unha parcela situada ao carón da Fraga do Santo Estevo do Ermo – Augas Santas.

Nesta parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, as do seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas (“ermitañas”) que antigamente habitaron nesta máxica fraga de Augas Santas.

 

 

 

Santo Estevo do Ermo ou Augas Santas é unha pequena fraga no medio do inmenso eucaliptal no que converteron a Mariña Lucense. Esta pequena fraga, que se atopa no concello de Barreiros, é un espazo moi ben conservado grazas ao empeño e traballo dun grupo de veciños asociados na Irmandade de Augas Santas.

Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas, cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, incluíndo fentos pouco comúns, ameazados e vulnerables.

O lugar está atravesado por un río, que forma unha fermosa fervenza ou revertedoiro. Neste lugar, tamén coñecido como Augas Santas, hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que dende tempos inmemoriais acoden centos  de persoas para curar diversos males.

 

 

 

Tamén hai unha rocha, onde están gravadas as pegadas do cabalo do apóstolo Santiago, e unha capela «nova» ao redor da cal se celebraron e celebran importantes romarías.

 

 

 

A parcela que pretendemos comprar na actualidade é un eucaliptal, pero neste sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo.

Igrexa que posiblemente teña unha cronoloxía moi antiga e que puido cristianizar un lugar xa anteriormente sagrado.

 

 

Nesta parcela, segundo a documentación que se conserva, estaban as cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe medieval.

Nun extremo da parcela atópase tamén un “cuncheiro”, onde se teñen atopado cunchas, ósos e cerámica medieval.

A nosa pretensión é mercar a finca, eliminando os eucaliptos, recuperar a fraga, facer estudos arqueolóxicos e valorar a posibilidade de realizar unha escavación.

Para mercala, comezar os traballos de recuperación e realizar unha primeira prospección arqueolóxica precisamos 6000 euros.

A compra realizaríase a nome da Fundación Eira. A Eira da Xoana está constituída como fundación e recoñecida como de interese galego.

As doazóns a esta Fundación Eira teñen dereito a dedución na cota do IRPF (para cantidades que non superen os 250 euros a dedución é do 80% para persoas físicas, do 40% para empresas; isto é: se a achega é de 100 euros, recupéranse 80 ao facer a declaración da renda)

É IMPRESCINDIBLE ACHEGAR POR CORREO ELECTÓNICO OU NO FORMULARIO, OS DATOS DO DOANTE PARA QUE POIDA DESGRABAR A CANTIDADE O PRÓXIMO ANO EN FACENDA.

Actualizaremos periodicamente na páxina web da Fundación Eira a listaxe de achegas coa identidade das persoas ou entidades doantes se así o especifican no formulario de doazón.

A conta da Fundación Eira é ES11 2080 5034 6130 4000 7939

Para máis información, podes contactar connosco no teléfono 659 68 33 84.

 

 

7360

TOTAL DOAZÓNS

Agradecemos a todos os nosos doantes pola súa xenerosidade e apoio. ¡Xuntos estamos facendo a diferenza!

 

APOIAN A CAMPAÑA:

    • Asociación «O Galo» de Santiago
    • Concello de Barreiros
    • Asociación «Pomba do Arco» de Foz
    • Asociación de veciños «Agra do Orzán» da Coruña
    • «Roxin Roxal»
    • «O sorriso de Daniel»
    • «Patrimonio galego.net»
    • «Casa da Penela» de Mondoñedo
    • «A nave de Vidán!
    • «Biblioteca Maravilhas» (Escola de Arroxo-Lourenzá)