PREMIOS PARA O PROXECTO DA EIRA DA XOANA

PREMIOS POLA DEFENSA DO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO:

  • Ano 2019: 2ª Edición do premio Gabriel Barreiro Toural.
  • Metátese Teatro e Alentía Teatro concederon á Fundación Eira da Xoana o Premio Gabriel Barreiro Toural, “Garabato”, na súa segunda edición. O premio foi entregado o sábado día 31 de agosto, no marco da XX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei, na Casa da Cultura, despois da representación de “A procura dun traballo” polo grupo Metátase Teatro. O premio, que consta dunha peza de arte elaborada pola artista ourensá María Iglesias Gil e que ten unha dotación de 1000 euros, foi recollido pola presidenta da Fundación Eira de mans da nai de Gabriel Barreiro Toural.

    Na xustificación do premio, Metátase Teatro e Alentía Teatro destacaron da Fundación Eira a súa defensa decidida do patrimonio cultural galego, a súa aposta polo mundo rural, a súa contribución a creación de conciencia ecolóxica, o seu aprecio, respecto e conservación da sabedoría transmitida pola tradición cultural galega e o seu compromiso coa lingua galega e coa recuperación e posta en valor de especies autóctonas.

    Pola súa parte, a Fundación Eira mostrou inmenso agradecemento polo premio, un recoñecemento que achega ao colectivo novos azos para continuar co labor encetado, e con eles, ademais, medios económicos para facer máis doadas as tarefas a desenvolver.

PREMIOS A REHABILITACIÓN DA CASA:

O proxecto de rehabilitación do Centro Medioambiental da Eira da Xoana foi obxecto de recoñecemento en diferentes premios de carácter arquitectónico a nivel autonómico e estatal durante estes últimos anos.

Os principais fitos do proxecto de reconstrucción da nosa casiña, foron, polo momento:

Con motivo do Día Mundial da Arquitectura deste ano, a Asociación Setestrelo falla os premios Gómez Román de arquitectura tradicional. Nesta primeira edición, o equipamento de ADEGA “A Eira da Xoana”, acadou o galardón na categoría de construcións tradicionais rehabilitadas e restauradas. O xurado valorou que esta intervención, ubicada na parroquia de Ramil, en Agolada, conxuga “unha perfecta comprensión das construcións e a contorna vinculante, co resultado de recuperación da autenticidade e o ambiente tradicional, sen deixar de recrear a capacidade de provocar unha actual experiencia identitaria”. No seguinte enlace podes ver con detalle a memoria deste premio, así como o proxecto de construción e rehabilitación levado a cabo.

  • Ano 2011: Finalista na XIV Edición dos Premios COAG de Arquitecura.
  • Ano 2011: Finalista nos Premios Arquitectura Plus 2011.

 
Especial mención e agradecemento merece Ángeles Castro Dapena, Arquitecta do Proxecto de Rehabilitación, pola súa contribución neste proxecto utópico que dende maio do 2011 acuñamos coma “REPÚBLICA ECOLÓXICA DA EIRA DA XOANA”, así coma todas aquelas persoas que contribuíchedes e contribuídes a seguir facendo medrar este noso proxecto, facéndovos ver e sentir neste espazo.