SÁBADO 26 DE OUTUBRO: HOMENAXE ÁS PERSOAS CRENTES COMPROMETIDAS CO PAÍS. ISSAC ALONSO ESTRAVIZ.

A homenaxe encádrase no liña de ADEGA de contribuír, no espazo do que dispón, a encher o insuficiente recoñecemento do labor, entrega e sacrificio das persoas que, desde o seu compromiso cristián, se situaron a carón do pobo para organizar a súa defensa e a defensa da Terra. Unha contribución que agarda sirva de xermolo para que o recoñecemento se estenda polo país.

A idea de facer a homenaxe anual na Eira da Xoana xurdiu no ano 2012, e, daquela, fixemos un recoñecemento a toda a comunidade cristiá que honrou a Terra nai unindo cristianismo e galeguidade; nos seguintes anos, diferentes persoas, significativas desde esta perspectiva, recibiron o noso agradecemento polo seu destacado e desinteresado labor.

No 2013, Leopoldo López, que, ademais, espertou moitos compromisos inquebrantables co país; Moncho Valcarce, no 2014, que participou directa e activamente coa xente do rural na defensa dos seus dereitos. Francisco Carballo, no 2015, que puxo a súa fe e os seus saberes ao servizo do pobo galego. Pepe Chao, no 2016, que “renaceu galego” e mantivo a súa militancia até o final. No 2017, as irmás Wirtz Molezún ( María, María Teresa e María Pilar), pola súa opción polo rural e polas persoas e colectivos deste que procuran un mundo máis xusto. No 2018 Alfonso Blanco Torrado, pola súa entrega á xente máis necesitada e polo seu inxente traballo a prol da cultura galega, nomeadamente desde a asociación Xermolos.

Este ano 2019 o homenaxeado será ISAAC ALONSO ESTRAVIZ, pola súa contribución á lingua galega, nomeadamente á lexicografía co seu Dicionário da língua galega, e, en xeral, pola súa defensa da Galiza na súa lingua e cultura, e, por extensión, das causas xustas.

Os actos comezarán ás 14 horas, cunha comida comunitaria na Eira da Xoana. Cadaquén leva a súa. Non é necesario levar pratos, vasos, garfos ou culleres, que hai na Eira. Tamén haberá café. Non hai que anotarse, pero agradécese saber canta xente vai xantar para facer previsións e que todo resulte o máis agradable posible.

As palabras e a música en honra do homenaxeado darán comezo ás 17 horas. Pode participar quen queira facer un recoñecemento a Isaac, nomeadamente para achegar algunha faceta, pouco coñecida ou diferente, da súa traxectoria vital. É aconsellable que o tempo de cada intervención sexa breve ( 3 minutos) para que poida participar moita xente sen que o acto se demore en exceso; en todo caso, determinarase en función das persoas que queiran facer uso da palabra.

Estás convidado/a a participar. Agradecemos que fagas extensivo o convite ás persoas para as que entendas que pode ser do seu interese.

Comments are closed.