SÁBADO 16 DE MARZO: ENCONTRO NA EIRA E OUTRAS ACTIVIDADES

Neste día, ademais de aproveitar a xornada pola mañá para rematar con algunha tarefa comunitaria que comezaramos na pasada fin de semana (plantar árbores e partir leña). Pola tarde, tivemos a oportunidade de participar en dúas actividades ben interesantes na contorna da Eira: a presentación do libro “Herdeiros pola forza” e a celebración da primeira xornada da iniciativa “Alimentación Consenso”.

 

PROGRAMA:

11.00 h => Encontro na Eira: rematamos de plantar algunhas árbores, apañamos e partimos leña.

15.00 h => Xantar de Convivio. Cadaquén levou a súa comida para compartir. Puxemos queixo, marmelo e café.

17.00 h => Asistimos á presentación do libro “Herdeiros pola forza” no Castelo de Pambre, feita polos seus autores Xurxo Ayán e Manuel Gago e o editor Antón Lado. Esta actividade estivo organizada en colaboración coa Asociación Cultural “O Galo”.

HERDEIROS POLA FORZA

Presentación número 14 por toda Galicia. 2.0 Editora.
Presentan os autores: Xurxo Ayán – Arqueólogo; Manuel Gago – Xornalista e o editor, Antón Lado.

Unha chamada á acción para recuperar o noso inmenso patrimonio cultural no horizonte do século XXI. Xurxo Ayán e Manuel Gago escolman en Herdeiros pola Forza vivencias de quince anos de traballo profesional desde a investigación e a comunicación cultural ao longo de todo o país, escribindo episodios que combinan a reflexión coa acción e un amplo anecdotario vivido e sentido en proxectos e iniciativas.

En Herdeiros pola Forza, Ayán e Gago avogan por transformar un modelo enquistado e esclerotizado de xestión do noso patrimonio cultural, devolvendo ás sociedades a relación coa súa propia memoria, e recuperando o sentido da nosa enorme herdanza e da nosa memoria. A sociedade galega do século XXI: urbana, usuaria das novas tecnoloxías e sometida a fortes procesos de tensión identitaria interna, precisa darlles novos sentidos ao patrimonio cultural. Este libro está escrito desde a crenza en que a nosa sociedade está a cambiar con rapidez, e está converténdose, gradualmente, ela mesma, en protagonista dese proceso de recuperación.

18.30 h => Desprazámonos de Pambre cara Remesedo onde visitamos un castelo de terra da época feudal galega.

19.00 h => Dirixímonos ata Albá (ecoaldea Arqueixal), onde tivo lugar a actividade “PRATO_DO”.

 

 

Comments are closed.