Xoana foi a dona desta casa. A xente  de Ramil ainda garda na memoria da súa infancia a imaxe  dunha muller pequeneira que sempre tiña unha palabra de agarimo para os nenos que pasaban polas beiras do seu lar. A Xoana tiña prontas  unha mazá ou unha pera para eles cando por alí  ían co gado ao monte ou  voltaban de algún mandado.

Esta é unha casa de aldea tradicional. Modesta, ainda no ámbito rural en que foi construída.

Conta Camilo de Ramil, que os seus avós colaboraron na sua construción. A pedra para a súa feitura veu  das pedreiras do monte de riba, cargada nun carro de bois cando a estrada actual aínda non estaba feita. No baldío que fica en fronte da casa, facíase antes a festa de Ramil, tamén chamada a Festa da Cabra, ao redor do cruceiro que logo foi trasladado para diante da Igrexa de San Martiño. Din que os bois chegaban onda o cruceiro  e daban eles sós a volta despois de seren liberados do peso da pedra, para voltar a cargar máis  no monte.

Manuela  viña coas ovellas, cando xa a casa non estaba habitada e, mentras as coidaba, lavaba roupa no rego que corría polo medio da leira. Encontramos a pedra de lavar, cando liberamos a antiga terra de labor dos toxos e xestas que a escondían.

Despois da Xoana , aínda ficou vivindo na casa o seu fillo Xosé, que voltou de Cuba para onde emigrara. Non triunfaran todos os emigrantes. Moitos, como Xosé, tiveron que voltar para a casa.

Morreu doente no Hospital de Pontevedra .

A casa ficou valeira por máis de 40 anos. A natureza traballou nas terras cubríndoas de toxos, silvas e xestas  máis altas ca un home alto. A Eira ficou cuberta por herbas e terra.  A casa foi abrigada polas silvas, as hedras, e  algún carballo que naceu nos seus muros, camuflándose ante a   mirada indiscreta da xente  e conservou a súa  estrutura tradicional paralizada no tempo. Aínda había restos do banco ao pé da lareira e do aparador da cociña cando entramos pola primeira vez. Camilo coidou do hórreo que se estaba vindo abaixo, cubríndoo, provisoriamente, cunha uralita.

Na restauración procurouse conservar, no posíbel, toda a  referencia ao seu pasado de unidade habitacional de autosuficiencia. Todo nela foi feito ao servizo dunha función: a sobrevivencia a partir da propia produción.

As antigas cortes, son hoxe a sala principal de exposicións, mais existe o cortello dos porcos á beira da xanela da cociña, o forno e a pía onde se picaban os toxos para dar de comer ao cabalo . A corte da besta  transformámola  en baño, por necesidade. O fermoso tundal da entrada fálanos dun lugar axeitado para un pequeno carro: o xusto para as necesidades da casa.

Desexamos que te sintas aquí  tan a gusto como nos sentimos nós, so  a presenza protectora da Xoana, xa transformada en fada boa polo transcorrer dos tempos.