Historia da Xoana e da casa

Xoana foi a dona desta casa. A xente de Ramil ainda garda na memoria da súa infancia a imaxe dunha muller pequeneira que sempre tiña unha palabra de agarimo para os nenos que pasaban polas beiras do seu lar. A Xoana tiña prontas unha mazá ou unha pera para eles cando por alí ían co gado ao monte ou voltaban de algún mandado.

Esta é unha casa de aldea tradicional. Modesta, aínda no ámbito rural en que foi construída.

Conta Camilo de Ramil, que os seus avós colaboraron na sua construción. A pedra para a súa feitura veu das pedreiras do monte de riba, cargada nun carro de bois cando a estrada actual aínda non estaba feita.
No baldío que fica en fronte da casa, facíase antes a festa de Ramil, tamén chamada a Festa da Cabra, ao redor do cruceiro que logo foi trasladado para diante da Igrexa de San Martiño. Din que os bois chegaban onda o cruceiro e daban eles sós a volta despois de seren liberados do peso da pedra, para voltar a cargar máis no monte.

Manuela viña coas ovellas, cando xa a casa non estaba habitada e, mentras as coidaba, lavaba roupa no rego que corría polo medio da leira. Encontramos a pedra de lavar, cando liberamos a antiga terra de labor dos toxos e xestas que a escondían.

Despois da Xoana, aínda ficou vivindo na casa o seu fillo Xosé, que voltou de Cuba para onde emigrara. Non triunfaran todos os emigrantes. Moitos, como o Xosé, tiveron que voltar para a casa, morrendo doente no Hospital de Pontevedra

A casa ficou valeira por máis de 40 anos. A natureza traballou nas terras cubríndoas de toxos, silvas e xestas máis altas ca un home alto. A Eira ficou cuberta por herbas e terra. A casa foi abrigada polas silvas, as hedras, e algún carballo que naceu nos seus muros, camuflándose ante a mirada indiscreta da xente e conservou a súa estrutura tradicional paralizada no tempo. Aínda había restos do banco ao pé da lareira e do aparador da cociña cando entramos por primeira vez. Camilo coidou do hórreo que se estaba vindo abaixo, cubríndoo, provisoriamente, cunha uralita.

Na restauración procurouse conservar, no posíbel, toda a referencia ao seu pasado de unidade habitacional de autosuficiencia. Todo nela foi feito ao servizo dunha función: a sobrevivencia a partir da propia produción.

As antigas cortes, son hoxe a sala principal de exposicións e actividades, mais existe o cortello dos porcos á beira da xanela da cociña, o forno e a pía onde se picaban os toxos para dar de comer ao cabalo. A corte da besta transformámola en baño , por necesidade. E o fermoso tundal da entrada fálanos dun lugar axeitado para un pequeno carro; o xusto para as necesidades da casa.

Desexamos que te sintas aquí tan a gusto como nos sentimos nós, so a presenza protectora da Xoana, xa transformada en fada boa polo transcorrer dos tempos.