SALVA UN ESPAZO NATURAL

ORIXE E OBXECTIVOS DA CAMPAÑA

Esta campaña está orientada á compra de terra co propósito de manter ou recrear ecosistemas naturais propios da zona onde estea ubicada.

Parte da necesidade de conservar espazos o máis naturais posibles, onde se dean as condicións para que a biodiversidade se exprese con toda plenitude, co fin de garantir o seu futuro.

Aínda así, quede aclarado que non acreditamos as políticas de conservación baseadas en manter espazos moi ben conservados e o resto ser unha agra aberta, onde prime a especulación e ó sacar a máxima rendabilidade económica a calquera prezo, 

Tampouco entendemos que esta campaña sexa a solución aos problemas de conservación da biodiversidade que hoxe temos. Pola contra, deberan ser tamén as diferentes administracións as que terían que tomar tamén medidas neste sensoxa  que sempre, poderán abranguer moitísimo máis territorio e dar solucións máis globais que as nosas. É por isto que as nosas reivindicacións fronte aos poderes públicos seguerán tendo, como mínimo, a mesma intensidade que tiveron ata o momento.

A nosa proposta, pretende pois ser unha resposta colectiva, en positivo, á impotencia que durante tanto tempo nos tivo e ten indignados e aportar unha miga na labor de conservación, que moitos miles de pequenos propietarios xa nos seus predios, están a facer.

Esta non é a primeira iniciativa co mesmo obxectivo que hoxe está en marcha no noso país. Ridimoas, A Limia,…. son exemplos da xenerosa resposta popular a unha política forestal e de conservación do medio natural nefasta e deficitiaria que de forma, practicamente ininterrompida, levaron a cabo dende o Goberno Galego.

COMO PODES AXUDAR A CONSERVAR ESPAZOS NATURAIS E FRAGAS GALEGAS?

  • ADQUIRINDO BONOS-PEGATA OU BONOS-CARTAZ (os bonos teñen o debuxo que viche na cabeceira da campaña), que poderás atopar tanto na Eira da Xoana como no local de ADEGA NACIONAL.

Os bonos que se poden adquirir son os seguintes:

BONO-PEGATINA DE 2 €  (aprox. 1 metro cadrado)

– BONO-PEGATA DE 12 € (aprox. ½ cuartillo)

BONO-PEGATA DE 23 € (aprox. 1 cuartillo)

BONO DE APORTACIÓN LIBRE: este bono de tamaño cartaz conta cun espazo en branco para indicar a cantidade a aportar. Esta opción de bonos, hainos co texto en singular ou en plural (“Eu axudo a conservar” ou “Nós axudamos a conservar”)

BONO-CARTAZ DE 536 € (aprox. 1 cuartillo)

  • MEDIANTE DOAZÓNS por ingreso bancario ó nº de conta da Fundación Eira:

ES11 2080 5034 613040007939 indicando o teu nome e apelidos, número de teléfono ou email de contacto e especificando se queres figurar como doador/a ou non da campaña publicamente. No concepto do ingreso detalla: COMPRA DE TERRA. Tamén é posible facer estas contribucións de maneira anónima, non existindo un límite mínimo monetario (as aportacións poden facerse a partir dun euro)

En todos os casos, A Fundación Eira pode xustificar oficialmente a aportación realizada ante Facenda para que cada persoa que faga unha doazón poida desgravar por esta contribución. Ponte en contacto co local de ADEGA de Santiago de Compostela no caso de precisar máis información.

EN QUE SE INVERTIRÁN OS CARTOS RECADADOS?

  • No pagamento de terreos:

Os terreos adquiriranse principalmente na comarca natural do Alto Ulla onde se atopa instalado o equipamento da Eira da Xoana e onde nestes momentos, xa temos ó redor dos 20 Ferrados. Isto non impedirá que, por razóns de urxencia na conservación, se compren noutro lugar do país.

– Os terreos adquiridos figurarán a nome de ADEGA. No caso de disolverse a asociación, a propiedade destes terreos pasará a ser pública, segundo acordo adoptado por ADEGA ao respecto..

  • En gastos que orixinen as transaccións.
  • En gastos derivados da propia campaña e,
  • Na xestión e conservación dos espazos adquiridos.

PUBLICIDADE DA CAMPAÑA:

Para ter a maior transparencia posible informaremos de forma detallada, sistemática e pública da marcha da campaña a través dos diferentes medios virtuais dos que dispoñemos (web da Eira da Xoana, web de ADEGA e diferentes contas do facebook)

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE:

Os datos oficiais de sempre e os que, ultimamente, están a aparecer en diferentes medios, son ben elocuentes e alarmantes:

  • Só queda un ridículo 1% de masas forestais autóctonas
  • Anuncian que pretenden plantar 30 millóns de eucaliptos neste ano
  • Proliferación de especies invasoras que fai xa practicamente imposible a súa erradicación (mimosas e outras acacias, ailantos,… cangrexo americano, visón americano,….)
  • A lista vermella de especies en perigo segue aumentando levando a algunha delas a total extinción.
  • A protección de espazos naturais e pura fantasía e só un problema para os veciños, non para os poderosos que encontran a forma de burlar as limitacións.

E pois urxente actuar con todos os medios ao noso alcance, con xustas esixencias, con denuncias, con educación ambiental, … e coa posta en práctica de pequenos modelos que sirvan de exemplo, de chamada de atención, e que na súa modesta medida, contribúan a conservación dun país que de seguir así perderá en breve as súas siñas de identidade.